© 2016 AGACOM 

Presidente: Carlos Toural Bran

(San Cibrao, A Ulloa, 1984). Profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Licenciado en Xornalismo pola universidade compostelá e Doutor en Ciencias da Comunicación, imparte docencia en materias relacionadas cos cibermedios, o ámbito multimedia, os novos formatos e o deseño. Ten publicado numerosos libros e artigos no campo da converxencia, a arquitectura da información, as redes sociais e os cibermedios. Membro do grupo de investigación Novos Medios dende o ano 2006, foi vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e na actualidade é Director do Gabinete do Reitor tamén na USC. É director de RAEIC (Revista da Asociación Española de Investigación de la Comunicación).

Secretaria: Marta Pérez Pereiro

(Vigo, 1976). É profesora contratada doutora na Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago (USC), onde imparte docencia na área de Comunicación Audiovisual e Publicidade. É membro do grupo de investigación Estudos Audiovisuais e Centro de Estudos Fílmicos (CEFILMUS) da USC. As súas áreas de investigación son o cinema contemporáneo, concretamente os small cinemas, o humor nos medios de comunicación e a rendición de contas dos medios de comunicación.

Tesoureiro: Iván Puentes Rivera

(Fene, 1980). Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas, Máster en Investigación en Comunicación e Doutor en Comunicación pola Universidade de Vigo. É profesor na Universidade da Coruña e membro do grupo CP2: Comunicación Persuasiva da UVIGO. É autor de diferentes artigos e traballos sobre redes sociais e xestión da comunicación. Ten realizado estadías de docencia e investigación en diversas universidades portuguesas e ecuatorianas e posúe unha variada experiencia profesional no ámbito da xestión e a comunicación política, electoral e institucional.

Vogal: Alberto Pena Rodríguez

Doutor en Ciencias da Información (con mención europea) pola Universidad Complutense de Madrid, doutor en Historia (con premio extraordinario) pola UNED e Profesor Titular de Historia da Propaganda na Universidade de Vigo dende 1999. Entre outras, foi profesor convidado en Harvard University, University of California Berkeley, Universidade de Lisboa, Burdeos, PUC-Porto Alegre e Autónoma de Barcelona. En 2013, foi Endowed Chair Professor da University of Massachusetts Dartmouth, e en 2017 exerceu como Michael Teague Visiting Professor in Portuguese and Brazilian Studies na Universidade de Brown. Foi tamén presidente da Asociación de Historiadores da Comunicación, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego (2010). O seu último libro é News on the American Dream. A history of the Portuguese press in the United States (University of Masssachusetts Press).

Vogal: Fernando Redondo Neira

(Camporrapado, Boqueixón, 1971). Licenciado en Ciencias da  Información pola Universidade do País Vasco (UPV) e Doutor pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Profesor da área de Comunicación Audiovisual na facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Autor dos libros Carlos Velo. Itinerarios do documental nos anos trinta e Os amorodos de Bergman, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018; coautor de Galicia en NO-DO: comunicación, cultura y sociedad e coordinador/editor do volume Cidadanía e documental. Premio María Luz Morales de Ensaios Cinematográficos e Premio Manuel Reimóndez Portela de Xornalismo. Membro da Asociación Española de Historiadores do Cine (AEHC). Presidente do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas.

Vogal: Marta Rodríguez Castro

Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Máster en Investigación aplicada a Medios de Comunicación pola Universidad Carlos III de Madrid e doutoranda de Información e Comunicación contemporánea na USC. É investigadora predoutoral dentro do grupo Novos Medios desde 2017 e foi visiting fellow do Center for Media, Data and Society da Central European University, en Budapest, no 2018. A súa tese de doutoramento estuda as probas de valor público dos medios públicos europeos, co obxectivo de avaliar o seu impacto e vixencia. Entre as súas principais liñas de investigación atópanse as políticas de comunicación, o valor, a gobernanza e a financiación dos medios de comunicación públicos e a comunicación de proximidade.

Please reload