| |
| Avaliación do VII LUSOCOM |
| Agacom |
| 19.10.2009 |
| Avaliación do VII Congreso Internacional de Comunicación Lusófona, LUSOCOM 2006, na xuntanza ordinaria da dirección da Agacom celebrada o día 5 de xuño de 2006 |
1. Para alén de constatar a transcendencia social e o apoio institucional que o Congreso e máis a Feira convocaron, a visibilidade nos medios de comunicación e a rápida instalación do termo ‘lusofonía’ nos ambientes académico e asociativo, a dirección da Asociación fai fincapé en que o Congreso se desenvolvera segundo o esquema previsto e que a organización do mesmo se demostrara acaída coas necesidades do evento, unha vez posto en marcha.
2. No plano da participación, destácase tanto a representatividade dos contidos temáticos como a cantidade de comunicacións e de asistentes, que sobrepasou lixeiramente as 300 inscricións, cota que nos tiñamos marcado. Tamén é de interese comentar o alargamento da representación africana máis a presenza de Timor Leste no foro científico e de todos os países lusófonos, no seu conxunto, na Feira.
3. A Agacom felicítase pola iniciativa da creación dun ‘Fundo Audiovisual da Lusofonia’, depositado para consulta e préstamo na Mediateca da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e advirte que xa foron solicitadas determinadas obras para unha Mostra Audiovisual no Campus universitario da cidade de Lugo.
4. De cara ao período que agora comeza, no que a presidencia da Federación coincide coa presidencia da Agacom, e co propósito de facer avanzar a institucionalización da mesma, tanto a nivel xurídico como de intercambio científico e de coñecemento, trasládase ás organizacións que compoñen a Lusocom:
a) a necesidade de crear unha rede de grupos de estudo e de pesquisa con investigadores das diferentes Asociacións;
b) a posibilidade de elaborar programas de cooperación en formación para a comunicación e
c) a utilización e ‘posta en valor’ da web para estes cometidos.
Compostela, 14 de xuño de 2006
Margarita Ledo Andión
Presidenta da Agacom
Presidenta da Lusocom
|
|
|
|

 |
 |
Por |
 |
Anuarios Internacionais de Comunicación Lusófona
Por LUSOCOM |
|