top of page

Publicación do Anuário Internacional da Comunicação Lusófona 2015/2016

A Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (AGACOM) vén de publicar o Anuário Internacional da Comunicação Lusófona 2015/16: Metodologias da pesquisa, cibercultura, regulaçao e cooperaçao. Baixo a dirección de Margarita Ledo Andión, presidenta de LUSOCOM, a publicación aposta pola colaboración entre asociacións de investigadores de cinco países do mundo lusófono: INTERCOM (Brasil), SOPCOM (Portugal), MEDIACOM (Cabo Verde), ACICOM (Mozambique) e a antes mencionada AGACOM (Galicia). Tras o Congreso de outubro de 2016 de LUSOCOM en Cabo Verde decidiuse encargar de forma extraordinaria a AGACOM a publicación do presente Anuário Internacional da Comunicaçao Lusófona debido ás dificultades existentes en Brasil para esta edición.

O Anuario recompila traballos vinculados ás metodoloxías de investigación, á sociedade da cibercultura e aos cambios que se deron no espazo lusófono en canto a regulación e á cooperación no ámbito da comunicación. En total, dezaseis artigos compoñen as dúas partes deste anuario, que tamén inclúe un apartado dedicado a novas relativas ao mundo da lusofonía e unha recopilación de reseñas de libros e publicacións de interese. Os seus eixos temáticos desta nova entrega do Anuàrio xiran arredor dos temas tratados no XII Congreso de LUSOCOM en Cabo Verde.

A lusofonía enfócase neste anuario desde moi diversos puntos de vista: como a construción dun proxecto común e dunha identidade mediática (Moisés de Lemos, Antonio Hohlfeldt, J. Paulo Serra, Inés Blanco), dende a perspectiva da transición ao espazo da cibercultura (João Carlos Correia; Emili Prado e Rosa Franquet) e do impacto das novas tecnoloxías e redes dentro da investigación en comunicación (Francisco Campos; Iván Puentes Rivera, José Rúas Araújo e Ana Belén Fernández-Souto; Tania Fernández Lombao e Andrea Valencia Bermúdez); ou ben dende a importancia da cooperación cultural (Manuel Gama). Tamén hai espazo para traballos que versan sobre a construción dunha marca-lugar (Nelson Soares e Giovandro Marcus Ferreira), o rol da información de proximidade (Xosé López García e María Cruz Negreira Rey), as audiencias transmedia (Carmen Costa), a representación fotográfica (Vítor Vaqueiro) e para a homenaxe da Asociación Española de Investigación en Comunicación ao Dr. José Marques de Melo.

O Anuário Internacional da Comunicação Lusófona 2015-16 está dispoñible para a súa consulta e descarga na páxina web de AGACOM.

Entradas destacadas
Entradas recentes
Arquivo
Buscar por tags
bottom of page