Margarida Mª Krohling Kunsch e Moisés de Lemos Martins reciben as Insignias de Ouro da USC

[Nova recollida da páxina web a Universidade de Santiago de Compostela: ligazón]. O Salón de Graos do

Colexio de San Xerome acolleu este venres a entrega das Insignias de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela a Margarida Mª Krohling Kunsch, da Universidade de São Paulo, e Moisés de Lemos Martins, da Universidade do Minho.

Estas dúas firmas basilares para os estudos da comunicación no ámbito lusófono recibiron así o máximo recoñecemento que a Universidade de Santiago de Compostela outorga a aquelas persoas físicas que sobresaen dun xeito especial nos servizos prestados á institución, ben sexa pola súa continuidade e duración, ben sexa pola súa especial relevancia ou significación, tal e como se fai constar no Regulamento de Honras e Distincións da Universidade.


Fotografía de Santi Alvite


A entrega foi presidida polo reitor da USC, Antonio López, quen salientou o carácter simbólico e sentido dun evento co que recoñecer o “servizo distinguido e a colaboración estable e moi dilatada no tempo” das persoas homenaxeadas coa Universidade de Santiago. Ao tempo, o reitor puxo en valor o fortalecemento das relacións con dúas institucións referentes para a USC e a confirmación dos vínculos co espazo lusófono.

A cerimonia contou coa presenza dunha destacada participación do persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, centro promotor do recoñecemento a ambas as dúas figuras. Como parte do mesmo, a profesora emérita da USC Margarita Ledo Andión foi a encargada de afondar na longa traxectoria de colaboracións entre Margarida Mª Krohling Kunsch e Moisés de Lemos Martins e a Universidade de Santiago a través de encontros científicos, do seu papel á fronte de asociacións e organismos de investigación e de múltiples publicacións e accións de transferencia. Ledo Andión destacou dos homenaxeados “a consciencia da outredade como constitutiva de calquera percurso individual” e o “seu labor comunal, para os máis, na docencia e na investigación”.

Tras recoller as súas correspondentes distincións de mans do reitor da USC, Margarita M. Krohling Kunsch e Moisés de Lemos Martins coincidiron en apuntar os retos e desafíos abertos no ámbito da comunicación e o papel do persoal docente e investigador na conformación de sociedades críticas dotadas coas ferramentas necesarias para loitar contra a desinformación e exercer a liberdade de expresión.

Nese sentido, a profesora da Universidade de São Paulo agradeceu a entrega desta insignia que supón para ela “un estímulo para continuar a loita da causa da comunicación, un camiño do que certamente continuarán a xurdir pedras es espiños, pero tamén flores e alegrías”.

A súa vez, o profesor da Universidade do Minho expresou a súa alegría por esta homenaxe que constitúe para el un recoñecemento ao “compromiso, ao soño e á promesa dun proceso de comunidade”.

No acto interveu tamén o reitor da Universidade do Minho, Rui Viera de Castro, quen puxo en valor a fonda relación existente entre as institucións, e a transcendencia mesma desta honra aos lazos de colaboración que se tecen a través das persoas que conforman as universidades e contribúen a construílas como espazos en común.

Entradas destacadas
Entradas recentes